jueves, 28 de diciembre de 2006

Morning Star de Xosé Miranda


Morning Star é unha novela de aventuras. Foi publicada en 1998 e nese mesmo ano acadou Premio Xerais de Novela.

O autor parte dun coñecido cantar de cego, a morte de Tasende, que contaba a historia dun famoso bandoleiro galego do século XIX.

Le as críticas que diversos autores fixeron desta novela nesta páxina de Xerais.
Consulta a biografía do autor nesta páxina de Edicións Xerais.

A acción desenvólvese na Galiza de mediados do século XIX, concretamente nos anos das sublevacións das guerras carlistas.



Lourenzo Tasende é un rapaz duns catorce anos que vive cos seus pais nunha taberna cerca de Pontevedra, aillado case por completo da sociedade, sen saber ler e tendo que atender o negocio familiar. Un día chega á súa casa para quedar Lázaro Rivadulla, antigo amigo de seu pai que lle descobre parte do seu pasado, e dende entón a súa vida cambia por completo; a nai ponse enferma e morre, e tras este suceso o pai retorna a formar parte dunha gavela na que participara na súa xuventude e que toma como centro de operacións a taberna da Disputa.
Pouco a pouco Lourenzo vaise involucrando máis e máis neste grupo ata participar nalgún dos seus asaltos, e ao mesmo tempo vai descubrindo que o obxectivo principal da gavela é un tesouro pirata que supostamente está enterrado nesa zona e que o enfronta a outra gavela, a de Tomás das Congostras. Nun destes asaltos enfróntase aos seus compañeiros por salvar unha rapaza, Helena Rouco, da que se namora. Con ela e axudado polo cego Campanachoca e a súa muller, emprende unha fuxida a través de gran parte de Galiza para poñela a salvo xunto aos seus parentes de Lugo e durante ela teñen que enfrontarse a numerosos ataques da gavela de Rivadulla, disposta a todo con tal de vingarse do rapaz, incluso de matar ao pai cando os encubre. O protagonista consegue finalmente chegar a salvo á cidade e deixar a Helena, tralo que se encamiña a Pontevedra de novo para non caer preso. Cando Lourenzo se achega a esas terras atópase con Tomás das Congostras e alíase con el, preparando a búsqueda do tesouro escondido. Para iso contan cos bandoleiros da súa gavela e con unhas cartas de Lázaro das que Tasende se apropia e que os conducen ata o escondite do botín. Porén, cando chegan ao lugar indicado só atopan unha parte del, e mentres buscan o que falta a outra gavela asáltaos, causando numerosas baixas, pero por sorte Lourenzo e Tomás conseguen escapar con vida aínda que non poden recuperar o tesouro que puxeran a salvo en Pontevedra pola presenza dos Gardas Civís. Ambos caen presos igualmente pero Lourenzo consegue sair grazas á axuda de Helena, que mentras el trataba de achar o tesouro estivera buscando aos seus avós, e que cando o atopan na cadea conseguen que salga sen cargos debido a que na denuncia que Helena presentara en contra da gavela el non figuraba. A historia remata cun resumo da situación de cada personaxe, incluido Lourenzo Tasende que vive felizmente coa rapaza en Morning Star, novo nome que dan á Disputa tras restaurala.


Son de destacar os paralelismos desta obra coa Illa do tesouro de R.L.Stevenson.

A historia está contada en primeira persona. É o propio Lourenzo Tasende o narrador que nos relata a historia xa cando é adulto.

Personaxes.

Hainos reais e de ficción. Os principais son os dous Lourenzo Tasende, Helena Rouco, Lázaro Rivadulla, Tomás das Congostras e o cego Campanachoca.

Personaxes principais:



  • Lourendo Tasende fillo é o protagonista da narración. É un adolescente con moitas dúbidas pero no fondo valente e boa persoa.Está acostumado a vivir pobremente e a convivir con borrachos, polo que aprecia unha notable diferencia con Helena. Enfróntase aos seus compañeiros por salvar a esta rapaza, da que se namora, e arrisca a súa vida por protexela. Tamén tenta axudar a quen cre que o necesita, como a sua nai, a seu pai ou ao seu primo Carlos. No transcurso da historia o seu carácter vai madurando, non é un personaxe plano.


  • Lourenzo Tasende pai é o personaxe que constitúe a situación determinante para que o seu fillo viva estas aventuras debido ao seu pasado. É un home inseguro e no fondo bo, posto que o amor pola súa muller e o seu fillo fan que actúe de forma distinta aos seus compañeiros da gavela. Porén, isto non evita que cometa numerosas atrocidades para conseguir o botín de cada asalto. Este personaxe existiu en realidade, pois Lourenzo Tasende foi un importante bandoleiro galego do século XIX.


  • Helena Rouco é unha orfa da mesma idade que Lourenzo fillo que vive cun sacerdote parente seu ata que este é asaltado pola gavela de Rivadulla. É unha rapaza bondadosa, que procura axudar a Lourenzo en todo o que pode e incluso lle ensina a ler. Isto tamén o demostra ao buscar aos seus avós mentres o rapaz busca o tesouro. Ao comezo da historia pódense ver as súas raices fidalgas en certos aspectos como a alimentación e a hixiene, pero según pasa o tempo vaise acostumando á situación e ao final perde ese rasgo característico; polo tanto,ao igual que Lourenzo, o seu carácter evoluciona.


  • Lázaro Rivadulla é o personaxe que desencadea toda a historia coa sua chegada á Disputa. É un home ruín, codicioso e moi egoísta. Capitán dunha das gavelas, só se preocupa de sí mesmo e esconde o tesouro dos seus compañeiros para poder quedar con todo, e para isto é capaz de matar a quen se lle poña por diante. Non se ve ningunha evolución salientable no seu carácter. Este personaxe foi na realidade un temido capitán de gavela que actuaba na zona sur de Galiza.


  • Tomás das Congostras preséntase como o capitán da outra gavela pero, ao contrario que en Lázaro Rivadulla, pódense ver trazas dun bo corazón, posto que é leal aos seus compañeiros e, aínda que pensando tamén en sí mesmo, protexe a Lourenzo incluso arriscando a súa propia vida. Pouco a pouco parece que se encariña co rapaz. Tamén este foi un personaxe real de orixe portugués que actuaba na mesma zona que Rivadulla.


  • O cego Campanachoca é un protexido da gavela de Tomás das Congostras que tenta de colaborar con eles no que pode a cambio de defensa e parte do botín, posto que ao estar sen vista corre máis perigos. Axuda a Lourenzo na súa fuxida e é o que lle conta o pasado do seu pai. É bo pero iso non quita de que defenda os seus intereses.

Personaxes secundarios:
Tamén existen numerosos personaxes secundarios entre os que destacan a nai do protagonista, a Mai Ánxela, Carlos, os clientes da taberna, os membros das dúas gavelas entre os que destacan o Xudas e o Demo Vivo, o cura de Beluso e os seus criados e veciños, a Pindonga, os parentes de Lugo de Helena e o avó do protagonista.


A historia desenvólvese na zona de Pontevedra principalmente pero o escenario da novela vai cambiando ao longo desta e os sucesos pasan a desenvolverse tamén en zonas de Compostela, Lugo e Ourense, polo que practicamente se recorre toda a xeografía galega. Máis concretamente, en Pontevedra, que é o lugar central, a acción transcorre entre a taberna da Disputa, un vello casarón deprimente e aillado, e a casa de Gatomorto, onde se atopa o tesouro.


En canto ao tempo, a novela pódese situar a mediados do século XIX, data que se nos revela por un feito histórico como son as sublevacións que se producen en Pontevedra e en Compostela. Estamos no contexto das guerras carlistas.


O tempo da historia non se pode determinar facilmente pero o total pode aproximarse a un ano ou dous. Porén, hai que salientar que o ritmo en que se desenvolven os feitos non é sempre o mesmo posto que a veces descríbese un dia ou un par de horas con todo detalle mentras que outras poden pasar semanas que teñen cabida nun par de liñas.A novela segue ademais unha orde cronolóxica pero é contada como unha historia do pasado, cousa que se nos deixa clara no último capítulo, no que se nos resume a situación na que se atopa o protagonista cando a conta.
Esta novela está estructurada en oito partes que á sua vez se dividen en capítulos; é esta unha estructura pouco común nas novelas na que se aprecia unha vez máis a influencia de Stevenson e da súa obra A illa do tesouro en Morning Star.


Por outra banda, para contar a historia o narrador mestura os tres modos de discurso aínda que predomine a narración, que aparece escrita en pretérito perfecto maioritariamente; un exemplo deste modo de discurso atópase nestre fragmento:



Subín, efectivamente, cortei a corda e baixei de novo. Comezou a chover. Cantaron na aldea un ou dous galos adiantados. Sen embargo, non se adiviñaba aínda a alba.(...) O Coello achegouse á porta principal, petou insistentemente e comezou a berrar,moi alto, para espertar os de dentro” ´Morning Star, ed.Xerais, páx. 83.



Os diálogos aparecen principalmente en estilo directo ao xeito do seguinte:


“- O caso é que temos unha cita para despois do inverno.
Pois aproveita para desfacerte del.
E dime, raparigo, ¿por que ía eu facer iso?
Porque me deches a túa palabra
.”
Morning Star, ed. Xerais, páx. 187


Por último, a descrición é principalmente obxectiva e empréganse verbos en pretérito imperfecto, coma no seguinte extracto:



E vin un home groso e baixote, moi robusto, musculoso, de cara ancha e grandes fazulas coloradas, barba negra e descoidada, pelos crechos, rizados e longos, que lle tapaban a fronte e recollía sobre o lombo, onde lle formaban unha coleta, cunha cinta. Non usaba chapeu e as gotas de suor escorríanlle pola cara ata a camisa.(...)” Morning Star, ed. Xerais, páx. 71.



No hay comentarios: